Tras unhas románticas fotos na praia, chegamos ó segundo escenario desta sesión fotográfica na Illa de Arousa.
O sol estaba xa moi baixo tralo horizonte, e o seu resplandor proporcionaba un idílico fondo para crear un suxerente contraluz. Obtemos, deste xeito, unhas escuras siluetas nas que destaca o volume da barba de Joaquín e o contorno do rostro de Noelia.
Ver á parella totalmente en sombra quere dicir que teremos un control total sobre a iluminación que van recibir. Para iso, utilizaremos dous flashes controlados remotamente; un deles actuará como luz principal, e outro, como luz de recorte. Este último crea esa aura luminosa que os envolve e define as súas siluetas.
Variando lixeitamente o ángulo de captura, aproveitamos a mesma pose para tomar planos máis íntimos, obtendo unhas imaxes cun estilo moi cinematográfico.
E xa para finalizar, tivemos a sorte de que unha delicada brisa mariña crease un sutil movemento no cabelo e vestido de Noelia, dando como resultado, unhas estampas máis dinámicas.
Como vimos nestas dúas últimas entradas de blog, cun rápido cambio de vestiario e movéndonos tan só uns metros para cambiar a localización, obtemos unhas fotografías cun estilo ben distino, proporcionando así, unha maior variedade de imaxes resultantes.
Se celebras o teu enlace nas próximas semanas, lembra que aínda temos datas dispoñibles, tanto para as sesións preboda, como para as bodas e postbodas.
Consulta os PACKS para eventos, ou pide máis información para reservar a vosa data.